
Amadeo Cobas naceu en Noia (A Coruña). Cursou estudios de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Escribe en castelán e galego. Ten publicados os seguintes libros en solitario: Un amigo en el Galacho, 2001, Contos de viaxe, 2002, Miranda, 2004, Pasar a la posteridad, 2005, As pantasmas sodes do que non hai, 2007, A cacería, 2016, premio de novela Cidade de Riveira, Illas Cíes, poboadores do Atlántico, 2016.
E colaborando con outros escritores: Alma de Beiramar, 2003, Historias de Loarre, 2005, Aragón: ríos de arte, 2006, Monegros, 2006, Historias para catar, 2006, A doenza da paisaxe, 2007, Ducha escocesa, 2008.
Articulista en diversas revistas culturais, foi colaborador dos suplementos de crítica literaria dos xornais Heraldo de Aragón (Artes y Letras) e Diario de Teruel (El Parnaso) e éo do blog de crítica literaria La tormenta en un vaso. Xurado en diversos premios literarios e participante noutros, acadou varios galardóns, como o 5º premio de novela Cidade de Riveira, premio no VII Certamen de Relatos “Tierra de Monegros”, de Huesca, a mención honorífica na modalidade de conto do Premio Platero 2005, en Ginebra (Suiza) ou o accésit de poesía no X Certamen Manuel Oreste Rodríguez, de Paradela (Lugo).
É membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega e foi membro fundador da editorial Tropo Editores.
Durante anos vén coordinando e participando en diversas actividades literarias en concellos, bibliotecas e demais institucións públicas coma o Instituto de la Juventud da Diputación General de Aragón, a Diputación Provincial de Zaragoza..., coma privadas, tal é o caso da entidade bancaria Ibercaja ou bodegas Enate, por poñer un par de exemplos. Estas actividades consisten en ciclos de conferencias e actuacións varias (proxeccións de películas, debates, excursións literarias...), clubs de lectura ou cursos de escritura creativa, entre outras.
Vén de constituír, xunta doutros escritores galegos, a Asociación Cultural Catropatacos para a promoción de actividades culturais, participando na organización e como xurado do certame de relato curto microCatrorelatos, que leva adiante o Café De Catro a Catro, en Vigo. Foi creador da idea Historias para coñecermos Vigo, un conxunto de oito libros que foron editados en 2016 por Editorial Elvira coa colaboración do Concello de Vigo.